Presentación dos avances do Proxecto de I+D+i SOFOR 4.0
O pasado venres 21 de xullo presentáronse na sede de Seistag en Bertamiráns (Rueiro Nº 17 Baixo) os avances do proxecto “Modelo de negocio innovador apoiado na figura das SOFOR e adaptado á estrutura da propiedade e competitividade do monte galego” SOFOR 4.0.
Este proxecto está sendo executado por Seistag S.L., Cerna Ingeniería S.L.P. e Forescultura. Conta coa colaboración da Unidade de Xestión Forestal Sostible da USC e ten por obxectivo principal o desenvolvemento de coñecemento e tecnoloxía para contribuír á modernización da cadea monte-industria en Galicia mediante a xestión conxunta dos propietarios forestais e a súa integración nas fases de aproveitamento, comercialización e transformación forestal a través da figura do mediador forestal.
No primeiro semestre do 2017, as empresas socias do proxecto acadaron o desenvolvemento experimental de varias experiencias de xestión forestal conxunta. As experiencias desenvolvidas comprenden unha SOFOR e o deseño de acordos forestais en más de 150 ha. Estas figuras fan posible un modelo silvícola máis eficiente e máis rendible para todos os actores: propietarios e industriais. Neste sentido estanse a desenvolver ferramentas informáticas que permitirán mellorar a xestión forestal e apoiar a toma de decisións, reducindo costes e optimizando os recursos.
O proxecto SOFOR 4.0 desenvolve un novo modelo de negocio forestal apoiado nas fortalezas do sector forestal galego e intentando resolver as súas debilidades a través da actuación nos eixes horizontal (mediante a agrupación de propietarios forestais nas SOFOR) e vertical (realizando unha integración vertical entre os distintos eslavóns da cadea de valor). Trátase en definitiva de conectar a demanda, a capacidade de transformación e a propiedade, de forma eficaz e transparente para gañar competitividade.
Trátase dun programa de traballo que implica a tres empresas cunha inversión total de 528.572,16 €. O traballo conta co apoio da Axencia Galega de Innovación que aporta o 50% dos custes a través do programa conecta-PEME. A execución deste proxecto iniciouse en marzo de 2016 e rematará en novembro de 2018.
OBXECTIVO
O obxectivo do proxecto é crear ferramentas que melloren a comunicación entre produtores e transformadores forestais. Para iso, dentro do proxecto, traballarase en dúas liñas:
- Contribuír á agrupación de propiedades, de tal forma que se logre unha masa crítica suficiente para optimizar os costes de xestión e aprovisionamento forestal (SOFOR).
- Facilitar a coordinación entre produtores e transformadores mediante ferramentas e protocolos TIC (4.0).
NOVEDADES
Durante o primeiro semestre de 2017, os socios do proxecto SOFOR acompañaron o desenvolvemento de varias agrupacións de parcelas orientadas a mellorar o aproveitamento do recurso forestal, facilitando modelos silvícolas máis eficientes e rendibles. Esta tarefa desenvolveuse a través de dúas canles:
- Cerca de 300Ha a través dunha SOFOR na provincia de Lugo, integrando ao redor de 130Ha xestionadas polo Organismo competente da Administración forestal autonómica e 170Ha de fincas particulares adheridas á xestión conxunta.
- Máis de 158Ha a través dun modelo de colaboración flexible que pode adaptarse para acompañar aos propietarios considerando as súas particularidades. Este modelo baséase en acordos forestais para xestión e explotación conxunta.
A SOFOR de Becerreá: Primeiramente déronse os primeiros pasos para a constitución, inscrición e inicio de actividade dunha Sociedade de Fomento Forestal (SOFOR) en terreos adscritos ao lugar de Vilar de Frades (Becerreá, Lugo). Así, os terreos enmarcados na proposta vincúlanse ao termo ou demarcación veciñal de Vilar de Frades, na parroquia de San Cosme de Ouselle, no concello de Vilar de Frades, na provincia de Lugo. A superficie previa da SOFOR a constituír situarase en torno ás 300 ha, na que se incluirían terreos abertais (áreas proindivisas, moitas delas antigas “senaras” ou “searas”, típicas dos denominados “montes de varas”) e fincas particulares con propietarios a título individual, cuestións a investigar, determinar e delimitar. A superficie proinvidisa é propiedade da entidade PENAS PARDAS E OUTROS C.B. Da mesma, ao redor de 130 ha xestionounas o Organismo competente da Administración forestal autonómica, situación que recentemente ven de trocar (en marzo) ao cancelarse (finalizarse) o contrato de xestión que existía; para esta superficie elaborouse un Documento Técnico de Xestión (Proxecto de Ordenación Forestal). A superficie restante, aproximadamente 170 ha, presenta una traxectoria de xestión moito menos definida ou consolidada, con partes proindivisas e fincas privadas a estudar en canto a propiedade, e que foron obxecto, gran parte, de subvención, para a súa forestación, durante o ano 2000 e/ou anos inmediatamente sucesivos. A entidade PENAS PARDAS E OUTROS C.B. vese participada por 23 propietarios. A maioría da superficie presenta masas forestais arboradas, poboadas fundamentalmente por Pinus radiata, Pinus pinaster e Pinus sylvestris, de diferentes idades, e cunha representación tamén, fundamentalmente en liña de valgada e próximas a regos, de vexetación autóctona ou nativa, tal como Castanea sativa, Quercus spp., Betula sp., entre outras. Aínda que todo aquelo vinculado á propiedade, uso e/ou xestión deberá ser obxecto dun estudio exhaustivo ou de detalle, o principal documento relativo á propiedade sería a Escritura de Constitución Foral, baixo o nº 26 de protocolo, ante o notario de Becerreá D. Juan Carreira, o 11 de febreiro de 1871, outorgada por D. Manuel Pardo Valcarce a favor de D. Francisco Fernández, onde se describen os montes adscritos ao termo ou lugar de Vilar de Frades, así como os límites relativos ao seu perímetro exterior. Tendo en conta a información consultada e aportada pola propiedade, incluso documentada, a situación catastral actual non recoñecería ou refrendaría o agora enunciado, de forma que a maioría das zonas proindivisas encontraríanse divididas, asignándose a súa titularidade a persoas físicas de xeito individual. De acordo co perímetro establecido pola citada superficie previa, estarían integradas ao redor de 500 parcelas catastrais. En particular, a superficie previa da SOFOR non se vería afectada pola Rede Galega de Espazos Protexidos nin por Zonas de Protección do Camiño de Santiago, e igualmente non incluiría Bens de Interese Cultural catalogados.